luns, 24 de xuño de 2019

II XORNADAS DE CULTURA POPULAR. XINZO DE LIMIA.


O pasado sábado 22 de xuño celebramos as II XORNADAS DE CULTURA POPULAR, organizadas pola Asociación O BIÓN, na sede da Asociación A Pantalla dentro das actividades das Festas de San Xoán 2019.



As xornadas comezaron as 12:30 coa primeira ponencia de Xosé Calleja, eu mesmo, que tratou sobre AS PALABRAS DE SAN XOÁN RETORNEADAS. O contido da ponencia está neste mesmo blog na etiqueta LITERATURA ORAL.

Xosé Calleja.

A segunda ponencia foi de Suso Fariñas titulada: CEN ANOS DO NOSO ENTROIDO 1919-2019.
Suso fixo un resumo dos seus estudos do Entroido de Xinzo de Limia. Para chegar as conclusións que expuxo na súa ponencia, revisou os escritos de homes como Nieto Oliva ou Vicente Risco entre outros e traballou con persoas maiores que viviron o Entroido con intensidade. Así nos dixo cando foi a primeira vez que aparece a palabra PANTALLA nos escritos, o nome das Comparsas que a principio do século XX había en Xinzo de Limia, etc. Ademais Suso Fariñas comentou algunas das anécdotas que recompilou das moitas persoas que leva entrevistado.

Suso Fariñas.

E así chegamos a presentación do novo libro do profesor e amigo Ángel Cerrato, Dezaoito relatos de vida e morte. Ed. Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía (A.G.C.E). Este libro trata das viviencias reais das persoas que aparecen, sen nome propio, nos relatos. Os relatos foron medrando ao longo dos anos, en conversas a corazón aberto onde as experiencias, unhas de vida e outras de morte, xurden coa dureza e a beleza da realidade. Un libro para reflexionar, un libro para sentir.

Ángel Cerrato.




Na presentación do libro estivo tamén o investigador, escritor, editor e Presidente da A.G.C.E., Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez que participou activamente contando anécdotas da súa vida de investigador. Estas vivencias foron unhas de vida e outras de casi morte. Un orador co dominio da palabra e cunha forma de contar tan amena que o tempo pasou sen darnos conta. 

Estanislao Fernández de la Cigoña.

Contamos, asimesmo, coa exposición da Pintora limiá Omayra R.A. que nos ofreceu a súa persoal visión da máscara principal do Entroido de Xinzo de Limia, A PANTALLA. Con trazos breves e con cores básicas chegamos a sentir o segredo que garda dende sempre a máscara de Xinzo.

Omayra RA
Omayra RA

Quero agradecer a Ángel, Suso, Estanislao, Omayra, Raúl, Ana e Iago o seu compromiso con estas xorndas. Á Asociación A PANTALLA por cedernos a súa sede e a Carlos do MUGAE pola axuda. 
Ás persoas que viñeron a escoitarnos, moitas grazas. 

Vémonos para o ano nas terceiras xornadas.