Na visita que fixen o 17 de agosto de 2019 a As Pegas, concello de Sandiás, chamoume a atención que nalgunhas das porta das cortes, no andar terreo, tiñan outra porta diante dunha das follas: O CANCELÓN. Este cancelón chega aproximadamente ata a metade da altura da porta e en moitos casos ten o fondo suficiente como para apoiar os cóbados.
Tiña visto na Limia que unha folla da porta é dobre, permitindo que a corte se ventile sen que salgan os animais do interior e que non entren outros animais ou persoas que poden facer dano. Consíguese simplemente abrindo a parte superior da folla dobre.
En As Pegas as portas principais son enteiras e a función de ventilación faina ese cancelón que ten a maiores, cando unha das follas da porta está aberta, claro. Con esta solución evítase que unha das follas da porta estea dividida en dous, perdendo robustez. Este cancelón consigue darlle máis consistencia ao conxunto se se quere arrumbar.
Escollín oito cancelóns en diferentes partes da aldea, penso que poden dar idea dos diversos modelos.
Cancelón en porta nº 1. |
O primeiro está localizado na estrada que percorre a aldea de Oeste a Este. A xeolocalización é:
X 603955 e Y4663550.
A porta mide 270 cm de alta e 260 cm de ancha.
O cancelón mide 128 cm de alto, 130cm de ancho e 16,50 cm de fondo.
Cando ten fondo o cancelón é como un caixón de madeira con bisagras.
Para pechar o cancelón úsase normalmente un pasador metálico simple que engancha nunha alcaiata.
Non necesita moito máis porque o que impide realmente o acceso á corte son as portas, e como vimos estas son enteiras.
Pasador para pechar o cancelón nº 1. |
Os propietarios da vivenda dos cancelóns dous e tres son as mesmas persoas. Teño que decir que tiveron a sensibilidade de arranxar e manter as portas de madeira e non as mudaron por outras de aluminio co que manteñen esta peculariedade para que a podamos disfrutar todos os que gostamos da cultura popular.
Dentro do interese por conservar a porta, ademáis de darlle unha man de pintura, engadíronlle na parte de abaixo da folla esquerda da porta e no cancelón unha folla de latón para que a auga da choiva non as esnaque.
Cancelón en porta nº 2 |
A xeolocalización é X 603964 e Y 4663554.
A porta mide 210 cm de alta e 223 cm de ancha.
O cancelón mide 107 cm de alto, 113 cm de ancho e 13 cm de fondo.
O pecho deste cancelón é ainda máis simple que o anterior.
Detalle de pecho no cancelón nº 2 |
Podemos ver neste detalle que o cancelón é un caixón con dúas bisagras.
Interior do Cancelón nº 2 |
Vese na parte interior do cancelón que está reforzado na parte de abaixo cunha táboa máis ancha para facelo máis consistente.
O cancelón nº 3 é moi similar ao número dous. Está na casa contigua a do cancelón nº 2. Seguramente o constructor das vivendas fose o mesmo co que o carpinteiro tamén.
A porta mide 226 cm de alta e 208 cm de ancha.
O cancelón mide 109 cm de alto, 104 cm de ancho e 9 cm de fondo.
Vemos que ten na parte de abaixo da porta e do cancelón o mesmo sistema de protección con latón.
Cancelón en porta nº 3. |
Nesta foto podemos ver que o cancelón tamén servia para que o propietario da vivenda socializase cos veciños xa que podía apoiarse e manter unha conversa tranquilamente.
Propietario apoiado no Cancelón nº3 mentres falamos. |
Na seguinte foto podemos ver o detalle da táboa da parte de arriba do cancelón e dunhas das bisagras, o cancelón ten dúas, que soportan o peso e permiten o movemento de abrir e pechar.
Detalle de parte superior e da bisagra no cancelón nº 3 |
O cancelón número catro, como se pode ver na fotografía, está colocado "dado a volta". Se nos fixamos na pedra inferior da dereita podemos ver os buratos onde estaba amarrado orixinariamente o cancelón. Agora ten as bisagras nun listón da folla esqueda da porta. Este listón clavado á porta é o que sostén o peso e pernite abrir e pechar o cancelón e dar acceso á porta e á corte. Queda libera a entrada da folla da dereita.
Cancelón reutilizado en porta nº4. |
O pecho tradicional de madeira está loxicamente na porta dereita que é a que abre e pecha. Ten un pasador tamén de madeira.
Detalle de pecho tradicional da porta nº4 |
A porta mide 218 cm de alta e 209 cm de ancha.
O cancelón mide 114 cm de alto, 106 cm de ancho e 4 cm de fondo.
O canelón número cinco muda cos anteriores en que non ten fondo. Son unhas táboas colocadas diante da porta. O estado é malo, non así a porta que presenta pintura recente. O propietario seguro que prefire o cambio ao arranxo. Está claro que a perda da funcionalidade da porta permite o amoeramento de material variado.
A xeolocalización é X 603974 e Y 4663567.
A porta mide 225 cm de alta e 212 cm de ancha.
O cancelón mide 130 cm de alto, 110 cm de ancho e 3 cm de fondo.
Porta e cancelón nº5 |
Quixen tomar as medidas da bisagra dun dos cancelón e fíxeno neste. A bisagra mide 24 cm de longa, 4 cm de ancha e 0,5 cm de grosa. Ten tres buratos para espetar os cravos na madeira.
Detalle da bisagra do cancelón nº 5. |
O cancelón número seis está nunha rúa que dende o medio da aldea xira cara o sul. A porta é nova pero o propietario quixo que mantivese os elementos constructivos que leva ollando toda a vida e que considera como propios.
A xeolocalización é X 604027 e Y 4663528.
A porta mide 234 cm de alta e 216 cm de ancha.
O cancelón mide 100 cm de alto, 114 cm de ancho e 6 cm de fondo.
Cancelón nº 6. |
No detalle da fotografía podemos ollar que o sistema de peche é o tradicional. E xa se nota o paso do tempo e do uso na madeira que ten os suco da peza metálica.
Pecho do cancelón nº 6 |
O cancelón número sete está nun canellón que discurre cara o sur-este. É un pequeno barrio con aira e pozo. Por este canellón deixa a aldea o regato que en tempos desaugaba na Lagoa de Antela.
A xeolocalización é X 604068 e Y 4663511.
A porta mide 220 cm de alta e 204 cm de ancha.
O cancelón mide 126 cm de alto, 106 cm de ancho e 8,50 cm de fondo.
Cancelón nº 7 |
Destaca que o cancelón está na folla esquerda. Todos os vistos ata agora estában na folla dereita.
A feitura é similar aos outros. As bisagras tamén son diferentes ao ter catro buratos para as puntas.
O pecho do cancelón, como se pode ver, tamén é similar aos outros.
Detalle do pecho do cancelón nº 7. |
Vemos con máis detalle a bisagra e o amarre na parede do gancho da bisagra do cancelón.
Detalle de bisagra e amarre á parede do cancelón nº 7. |
E por último o cancelón número oito. Está no mesmo canellón que o número sete. A casa era dun carpinteiro e o cancelón foi renovado polo carpinteiro antes de morrer. O vello ainda está na leñeira para arder algún día ou apodrecer co tempo.
A xeolocalización é X 604085 e Y 4663548.
A porta mide 225 cm de alta e 212 cm de ancha.
O cancelón mide 111 cm de alto, 101 cm de ancho e 2 cm de fondo.
O vello cancelón mide 103 cm de alto, 96 cm de anchoe 5 cm de fondo.
Novo cancelón nº8. |
Como o cancelón anterior está colocado na folla da esquerda. As bisagras parecen ser as mesmas do antigo pero adaptadas. Na bisagra de abaixo, o gancho da pedra aparece reforzado con cemento.
Poño un resumo das medidas de portas e cancelóns:
PORTAS | |||
ALTA | ANCHA | FONDO | |
Nº 1 | 270 | 260 | 20,5 |
Nº 2 | 210 | 223 | 22 |
Nº 3 | 226 | 208 | 16 |
Nº 4 | 218 | 209 | 21 |
Nº 5 | 225 | 212 | 21 |
Nº 6 | 234 | 216 | 21 |
Nº 7 | 220 | 204 | 20 |
Nº 8 | 174 | 175 | 22 |
MEDIA | 222,125 | 213,375 | 20,4375 |
CANCELÓN | |||
ALTO | ANCHO | FONDO | |
Nº 1 | 128 | 130 | 16,5 |
Nº 2 | 107 | 112 | 13 |
Nº 3 | 109 | 104 | 9 |
Nº 4 | 114 | 106 | 4 |
Nº 5 | 130 | 110 | 3 |
Nº 6 | 100 | 114 | 6 |
Nº 7 | 126 | 106 | 8,5 |
Nº 8 | 111 | 101 | 2 |
MEDIA | 115,625 | 110,375 | 7,75 |
Estas medidas en moitos casos pode que non sexan as orixinais. Os propietarios foron adaptando as portas ás modificacións dos camiños, rúas e entradas.
Non todas as portas das cortes de As Pegas teñen cancelón. Pero este elemento constructivo demostra unha utilidade que foi empregado polos moradores desta aldea.
Exemplo de porta sen cancelón. |
Outro exemplo de porta sen cancelón. |
Quero agradecer a Pablo, o meu afillado, a axuda nas medidas e a compañía nesa tarde de verán que pasamos xuntos. E ao seu pai que tamén nos acompañou.
Aos veciños de As Pegas que me mostraron as portas e cancelóns.