Casas de A Forxa. |
En A Forxa, Concello de Porqueira, aínda se conservan casas tradicionais. O peor é que moitas están abandonadas e algunhas xa están esborralladas. O problema comeza cando entra auga polo tellado, podrece a madeira do tellado, podrece despois os pisos de madeira ata que os muros non aguantan e ven todo ao chan. Mentres os netos ou bisnetos dos que fixeron as casas, na diáspora, non teñen idea de voltar a terra e non teñen interés por recuperar o "capital" dos antepasados. Para o que quere comprar unha destas casas, sempre é caro, e arranxar a escritura de compraventa moitas veces unha odisea do quince: varios herdeiros (moitos no extranxeiro), firmar poderes, notario, rexistro, taxas...
O acceso á casa facíase moitas veces pola porta da corte do gando no andar terreo. Por esta porta ten que entrar e sair o carro, co que as dimensións están adecuadas ao volumen do carro. Cando é esta a única porta de acceso á vivenda, a escaleira ao segundo andar está no interior. Noutros casos xa se ve a escaleira exterior que remata nun balcón ou nun corredor onde está a porta pola que se accede ao segundo andar. Por suposto na planta terrea tamén teñen a porta da corte.
As portas das cortes son de dúas follas e para que estean pechadas emprégase un sistema moi simple pero efectivo: os "pechos". Normalmente o pecho é de madeira cun pasador (este pasador é o que a xente chama pecho e que lle dá nome ao conxunto). Despois destes primeiros pechos os sistemas de cerramento fóronse complicando para impedir a entrada ou saída da corte. Porque os pechos basicamente son para manter a porta pechada para que non saia a facenda da corte (vacas, ovellas, chivas...), para que non entren animais e persoas non desexadas, para que o vento non abra as portas e que o frío, a auga, a neve ou a saraiva entre na casa.
A Forxa. |
O pecho simple de madeira é o que máis confianza facía na veciñanza. Logo os tempos trouxeron a desconfianza, e a guerra o medo. Os pechos reforzáronse con pezas de metal, trancas, etc. Finalmente os pechos fixéronse de ferro e engadironse ferrollos, chaves, cadeados...
Os pechos de madeira nesta localidade pódense clasificar en:
Grupo A: Pecho de amarre superior ao pasador.
Grupo B: Pechos con asa. (Polo espazo onde se mete a man para gurrar da porta).
Grupo B-1. Co pasador por riba da asa para meter a man.
Grupo B-2. Co pasador por debaixo da asa para meter a man.
GRUPO A: PECHOS CON AMARRE SUPERIOR AO PASADOR.
Este pecho ten un saínte na parte superior que se usa para amarrar cunha man e gurrar cara un cando se quere pechar. Cando as dúas follas están á mesma altura métese o pasador polo burato e queda pechada a porta. Tamén se usa cando se abre a porta unha vez que se libera do pasador. Para esta acción tamén chega con gurrar coa man en calquera parte da folla.
O pecho da foto está nunha porta que mide 210 cm de alta e 155 cm de ancha. O pecho dende o chan está a 150 cm e ata a trave hai 30 cm.
O pecho mide 30 cm de alto, 4 cm de ancho e 5,5 cm de fondo. O pasador mide 31 cm de longo, 4 cm de alto e 2 cm de fondo. O pasador é totalmente plano e non ten os saíntres que impide que caia ao chan si se empurra con forza. O punto do pecho máis separado da parte de arriba son 10 cm. O pecho está na folla esquerda da porta da corte. A porta tamén ten unha pechadura con chave.
Pecho con amarre superior. |
Este outro pecho ten un aspecto máis antigo e por iso quixen falar del. Tamén porque o pecho está en uso na actualidade. O José garda as ovellas e as chibas nesta corte.
Pecho con amarre superior. |
O pecho está nunha porta que mide 195 cm de alta e 169 cm de ancha. O pecho dende o chan está a 105 cm e ata a trave hai 57 cm.
O pecho mide 33 cm de alto, 7 cm de ancho e 7 cm de fondo. O pasador mide 18 cm de longo, 4 cm de alto e 2 cm de fondo.
Como se olla na foto o pasador si que ten saíntes. A separación da parte de arriba para meter os dedos é menor que no pecho antetior, é só de 3 cm.
O pecho está colocado na folla dereita da porta.
Grupo B-1. CO PASADOR POR RIBA DA ASA PARA METER A MAN.
Pecho con pasador por riba da asa para meter a man. |
Esta pecho está na porta da corte dunha casa dun só andar. Ao seu carón ten unha porta de man para a entrada das persoas.
Como se olla, o pecho ten una asa para meter a man. O pasador está pola parte de arriba da asa.
O pecho está nunha porta que mide 196 cm de alta e 170 cm de ancha. O pecho dende o chan está a 110 cm e ata a trave hai 53,50cm.
O pecho mide 32,50cm de alto, 4 cm de ancho e 3,5cm de fondo. Está separado 6 cm da porta.
O pasador mide 16 cm de longo, 4,50 cm de alto. O pasador ten saíntes.
O pecho está colocado na folla dereita da porta.
Un informante casual que pasaba por alí cando estaba medindo, díxome que no interior tiña unha tranca para asegurar a porta.
Grupo B-2. CO PASADOR POR DEBAIXO DA ASA PARA METER A MAN.
O pecho está na porta da corte e tanto a porta como o pecho estén en moi mal estado. O pecho está remendado con cintas de ferro para que aguante. Tamén a porta ten ferros para asegurar as madeiras. Como se olla na foto ten unha cadea con cadeado para pechar a porta.
Pecho con pasador por debaixo da asa para meter a man. |
O pecho mide 34 cm de alto, 4 cm de ancho e 5,5cm de fondo. Está separado e 4 cm da porta.
O pasador mide 13,5 cm de longo, 4 cm de alto. O pasador ten saíntes.
O pecho está colocado na folla dereita da porta.
No interior a porta ten unha tranca e como xa comentei unha cadea cun cadeado.
Hai máis pechos nas portas das cortes de A Forxa pero non varían nas formas que comento máis arriba. Si que mudan en tamaño e en estado de conservación.
Aos veciños de A Forxa que levan con paciencia as miñas preguntas e deixan que fedelle nas súas propiedades. Obrigadinho.