venres, 24 de xaneiro de 2020

A PALLEIRA DOS DIZ



Despois de falar da Tulla como un elemento constructivo, que forma parte da casa, quería falar dunha contrucción adxectiva que na Limia tiña moita utilidade: a Palleira. 

Como o nome indica servía para gardar a palla da colleita de cereal do ano. Pero non só para iso. Como veremos nos planos, que tan amablemente fai para min o meu amigo Manuel Diz, a Palleira era un espazo que contribuía a mantenza da familia coa cría do gando e da facenda.

Falarei de varios modelos de palleiras que se atopan na Limia, Nesta achega quero falar desta palleira en concreto.

Esta Palleira é unha mostra dunha construcción que pertenceu a unha familia dedicada totalmente a agricultura e con colleitas importantes. Está no Barrio de Abaixo de Xinzo de Limia e está feita en cantería en seco con algo de cachote. Ten unhas boas escaleiras e a fábrica é moi boa para ser unha construcción adxectiva. Anos despois foi utilizada como vivenda. A fachada principal está orientada cara o norte.

Foto da palleira:

A Palleira do Diz na actualidade.

Polo plano da fachada, vemos que ao subir as escaleiras damos a un pequeno corredor que apoiaba nas escaleiras e nun canzorro. O corredor ten unha varanda que non chega ata a ventá. Esa ventá ten unha misión específica. Por ela metíase a palla dende o carro ao segundo andar e deixábase almacenada na barrela. 
O tellado é a dúas augas e alongábase un pouco cara as escaleiras e cubre tamén parte da porta de acceso.


Fachada da Palleira do Diz.


A distribución da parte terrea demostra que o espazo estaba totalmente aproveitado. No espazo por diante da fachada facíase a malla, (si que existían airas comunais pero era moi común que se fixera a malla por barrios que aproveitaban unha praza ou unha zona da rúa que fose máis ancha. Tamén podía ser que cada quen fixera a súa malla. Neste caso a malla facíase neste espazo). Antes da malla traíanse os mollos dende a leria. Facíase a meda e agardábase polo día máis axeitado para facer a malla. Unha vez rematada, a palla metíase na palleira.
Tamén era o espazo para facer a matanza do porco que como vemos criábanse na planta terrea da palleira.
Era tamén onde podía estar o carro cando os traballos do campo así o esixía.


Planta terrea

Debaixo da escaleira había un espazo pechado onde se gardaban os apeiros para traballar a horta, os empregados na matanza e os arreos de cabalos e bestas.

Xa dentro da palleira o espazo estaba dividido para ter aos animáis de traballo e de alimentación.
Na parte central estaba o cabalo ou a vaca. Á dereita gardábanse as ovellas e seguramente algunha chiba.
O cortello dos porcos cara o fondo á esquerda. A facenda menuda tiñan pequenas construccións contra a fachada posterior. Escolleron esta localización porque esta fachada está orientada cara o sur, a máis solleira.
O espacio sobrante que queda ao carón da palleira usábase para poñer a horta: verzas, pementos, tomates, cebolas, allos, etc que tanto axudan na alimentación da familia.


Segundo andar

O segundo andar estaba adicado ao almacenaxe da palla. Como vimos cando falei da tulla neste mesmo blog, a palla era aprovitada para moitas cousas: alimento, cama para os animáis, na martanza para chamuscar o porco, fachóns, xergóns, etc.
Vese como o corredor seguía ata a parede lindante pero non a varanda para facilitar a carga da palla dende o carro.

A Limia foi sempre terra de centeo e en Xinzo as edificacións estaban preparadas para almacenar as colleitas. O gran en tullas que forman parte das casas. A palla nas palleiras. Neste caso unha palleira de dous andares que aproveitaba o espazo para criar e gardar os animáis necesarios para o traballo e alimentación da familia.


Como sempre moi agradecido a Manuel Diz polos planos.
A Maria Isabel Calleja, miña nai, polo información.