sábado, 5 de decembro de 2020

O MILLO SEN CANASTROS NA LIMIA.

 O millo é unha planta que chegou de América para axudar a matar a fame dos nosos avós que eran comedores de castañas.  Á península chegou o millo en dúas arcas que o gobernador e capitán xeral da Florida Don Gonzalo Méndez de Cancio trouxo das Américas cando retornou a súa terra, Asturias, no 1603. 

Na Galiza, o primeiro millo parece que se sementou ao norte de Lugo. A muller de Don Gonzalo Méndez de Cancio era galega de Mondoñedo. Dende alí esparexeuse pouco a pouco polo país.

Millo rei ou espiga reina.

Na Limia temos unhas terras que se chaman A TERRA DO MILLO.  Están no Concello de Porqueira. Calquera que visite as aldeas deste concello verá que inzan os canastros. Son un indicativo que a producción de millo era importante. 

Volvemos encontrar canastros en  Folgoso e Cortegada no Concello de Sarreaus. No Concello de Rairiz de Veiga e no de Vilar de Barrio temos bos e lindos canastros.

No resto da Limia o millo sementábase para que o gando o consumira en verde. Collíase a parte máis alta da planta que tamén é a máis verde e branda. A falta do cultivo de millo é pola dificultade para que madure o cereal; a baixa temperatura e a alta humidade non favorecen este proceso de secado.

En lugares como Xinzo, as mazarocas enrastrábanse e pendurábanse dos balcóns ao sol e ao vento para que madurase o froito. De feito unha das teorías que existen sobre a aparición dos canastros é a de que co tempo se cubriu o balcón cun tellado para que a choiva non mollase as mazarocas. Despois pechouse o balcón cunhas paredes para protexer aínda máis o gran. O seguinte paso foi separar da vivenda este balcón pechado con paredes e tellado.  

Podemos ver nestas dúas fotos de Xinzo de Limia como se penduraban as rastras de millo dos balcóns das vivendas. 

  

Balcón con ristras de millo en Xinzo.

Puñanse as rastras de mazarocas pola mañá e recolleríanse pola noite. Nas fotografías vese que a roupa que teñen postas as persoas que saen nas fotos é roupa de abrigo polo que o proceso de secado era longo no tempo.


Balcón con ristras de millo en Xinzo.

Neste outro caso, a foto é en Congostro, Rairiz de Veiga, sacada no ano 1996, podemos ver como o millo colga enrastrado das traves dun alpendre. Comparte espazo cun carro, caixas, leña, etc. O importante é que o ar entra e sae secando o millo. Non se dificulta que entren os paxaros e os ratos a comer o cereal. Tendo en conta que en Congostro hai unha cantidade importante de canastros, pódese pensar nunha colleita residual. 



Coa chegada do millo reinventouse unha pequena edificación que servía para gardar os cereais. Podemos ollar como era esa edificación por unha miniatura que aparece nas Cantigas de Santa María de Alfonso X o Sabio, (século XIII, catro séculos antes que se sementara o primeiro millo na Galiza) que é un horreo, canastro, cacipo... que é como son nomeados na Limia. 


Miniatura da Cantiga nº 187 do Rei Alfonso X o Sabio.

Os monxes están agradecedo a Virxe María que aparecesen cheos os canastros que estaban baleiros,.

"Como huos monges non avían que comer e rogaron Sancta Maria que os acorresse. Como os monges s'acharon outro dia os orrios cheos de muy boo trigo"


Millo no canastro.

Agora as paredes non son pechadas, están abertas para que entre o ar pero non tan abertas como para que podan os paxaros comer o gran. Esta construcción fíxose exclusiva para almacenar e curar o gran do millo e inzou por toda Galiza.


Millo no canastro.

E creouse toda unha tradición ao redor do millo. Sobre todo no momento da esfolla, que é cando se lle tira a cobertura á mazaroca e quedan os grans ao ar. Na esfolla os mozos e mozas apuraban en espir as mazarocas porque o que atopaba unha espiga reina (unha mazaroca morada como a da primeira foto deste artigo que me regalaron en A Forxa) o mozo ou a moza berraba: "reinei" e acadaba o dereito a bicar e dar apertas a esgalla. Moitas e moitos tentaban fuxir e comezaba a festa; aparecían as pendeiretas e os pandeiros, latas, tambores e cun pouco de sorte unha gaita... e a cantar e bailar.

  

Millo no canastro.


Ribas Quintas, E., Millo e hórreo. Legumia e cestos. Edicións Laiovento, S. L. 1996.

De Llano, P., Arquitectura Popular en Galicia. C.O.A.G. 1983.

Lorenzo, X., A Casa. Editorial Galaxia, S.A. 1982.


Im memoriam do que foi o meu xefe, mestre, compañeiro e amigo Amador Conde da Academia Castelao, na que traballei varios anos. Amador e Esperanza, a súa dona, déronme unha oportunidade nos tempos difíciles. Non o esquezo nunca.                                         
 "Sit tibi terra levis"