Que longas debían ser as noites de inverno, sen luz, sen televisión, sen ordenadores, sen móviles, sen redes sociais... A nosa xente ocupaba o tempo en pequenos traballos: arranxando a ferramenta, fiando, acomodando a facenda... Ao carón do lume da lareira falábase de todo un pouco, da vida, dos traballos, comentarios dos veciños e tamén se contaban contos para meter medo, para rir, para abraiar, para ter compaixón...
Van tres recollidos hai uns aniños.
Sr. Maruja de Os Cuquexos. Os Blancos. 21/05/2002.
O MUIÑEIRO E A BRUXA.
Nun muíño cerca de Os Cuquexos, pasou un caso estraño.
O propietario do muíño dos Cuquexos notaba que faltaban algunhas rachas de carballo que queimaba
os días de frío.
Día tras día notaba que onde se facía o lume sempre había algo que denunciaba a
presencia dun visitante nocturno.
Un día viu que unha vella tella servira de tixolo para facer unha bica da fariña de millo do que
se moía. Decidiu non prolongar máis o misterio e unha noite achegarse ao muíño a
descubrir o misterio.
Dito e feito. A unha da noite o muiñeiro colleu o camiño e dende lonxe viu
como había lume aceso no muíño. Pouco a pouco foise achegando e viu a unha vella que
estaba secando os cabelos no lume.
O muiñeiro enrabechado entrou no muíño e colleu á vella e empurrouna para botala ao lume. A vella
suplicoulle que non o fixera, que a súa nai lle botara unha maldición e que se convertera en bruxa.
O muiñeiro seguía no seu empeño e a vella seguía suplicando que non a botase ao lume.
Xa no derradeiro intre a vella dixo: “foi unha maldición da miña nai, faime un corte no dedo pequeno
e así desfarase a maldición”. E así fixo o muiñeiro. A vella transformouse nunha
linda moza, moi guapa.
|
Muiño. |
Emilio Martínez. Novias. Os Blancos. 15/03/2001.
O CALACEIRO.
Un vello vendo de cerca a morte, pensou que era tempo de partir entre os fillos o único capital que tiña:
UN BURRO.
-Meus fillos-dixo o vello- eu estou moi vello e xa me vexo morrer. Como ben sabedes só teño un burro e vós sodes tres.
Para saber quen é o que queda co burro, teredes que demostrar cal é o máis calaceiro dos tres.
-Mira pai se sou calaceiro -dixo o primeiro fillo- que estaba sentado á mesa, que estou morrendo de fame e por non moverme non collo ese carolo de pan que está por riba da mesa.
-Pois fillo, si que es calaceiro.
O segundo fillo que estaba ao carón do lume díxolle:
-Mira pai se son calaceiro que teño os pés no lume, estanme ardendo as chancas e por non moverme, prefiro queimarme.
Xesús fillo! És ben calaceiro.
Como faltaba o terceiro fillo que estaba ao pé das escaleiras, o vello chamou por él:
-Monchiño, fillo, sube ao meu cuarto que estou co reparto do burro entre os tres irmáns.
Ai meu pai! -dixo o Monchiño- prefiro perder o burro, pero eu as escaleiras non as subo.
O burro foi para o Monchiño.
Pepe Macía. Xinzo de Limia. 10/05/2003
CAMIÑO DA FESTA.
O Manolo e a Isabel ían para a festa de Lamas polos primeiros de maio. No cruzamento da estrada de Baltar, xusto ao pasar a ponte do río Limia, atoparonse coa Maria da Canella que estaba coas vacas que pacían tranquilas nas beiras do río.
-E logo, xa vas para a festa Manolo? - preguntou a Maria da Canella.
-Vou -contestou o Manolo-.
-Será se Deus quere. -dixo a Maria da Canella-.
-Quiera ou non queira. -dixo o Manolo-.
Nese momento unha das vacas que estaba pacendo, amoscouse e saíu correndo tralo Manolo. Non lle quedou máis remedio ao Manolo que meterse debaixo do pontillón que había no cruzamento co camiño da Armada.
A vaca e o Manolo estiveron así ata que se fixo noite e rematou a festa de Lamas.
Ao ano seguinte repetiuse a mesma situación no mesmo escenario. O Manolo e a Isabel ían cara Lamas a festa da Santa Cruz de Maio, e a Maria da Canella estaba coas vacas.
-E logo, xa vas para a festa Manolo? -preguntou a Maria da Canella-.
-Vou. -contestou o Manolo-.
-Será se Deus quere -dixo a Maria da Canella-.
-Se Deus quere e a vaca! -dixo o Manolo-.
|
Danzantes de Lamas. Festa da Santa Cruz. |
O meu agradecemento aos informantes. Gracias por gardar e trasmitir estas pequenas xoias da literatura oral.