domingo, 14 de marzo de 2021

"OS DE SEMPRE" NO CONCURSO DA CANCIÓN DO ENTROIDO DE XINZO DO ANO 1989

 

O amigo Castor sorprendeume o Martes de Entroido cun par de agasallos que me alegraron a tarde. E era difícil porque neste Entroido do 2021, Entroido perdido, eu estaba máis triste que cando vas de Pantalla e tes que marchar para casa porque che estoura a última vexiga o Martes de Entroido pola mañá.

Pois ben, un dos agasallos era unha copla que lle deu o Lisardo e que cantou o grupo OS DE SEMPRE no Concurso da Canción do Entroido de Xinzo de Limia do ano 1989. 

A letra non era para ganar o concurso, pero o importante é que o grupo participou nun evento do entroido. E xa se sabe que o importante é participar. A melodía era da canción de salsa QUITATE TU PA PONERME YO. Como o grupo orixinal Fania All Stars estaba composto na súa maioría por xente de cor, os do grupo Os de Sempre subiron ao escenario disfrazados de xente de cor, uns de mulleres e outros de homes. 

O concurso celebrábase o Sábado de Entroido pola tarde e ao rematar o concurso a festa seguía polo Barrio de Abaixo.

Naqueles anos os que arrasaban nos concursos da canción eran os MERECUMBÉ, que eran unha xeración maior que os compoñentes do grupo Os de sempre

A canción foi escollida polo Miguel que fixo tamén a letra. Era o que se preocupaba destes temas (e doutros porque os compoñentes do grupo eran bastante calaceiros). Penso que a canción se ensaoiu un par de veces antes de subir ao escenario e seguro que algún membro do grupo subiu sin ter nin idea da letra nin da melodía. Son cousas do entroido e o entroido é así.

Se non recordo mal, os do grupo baixaron do escenario anticipadamente porque o Ramón Paisano arrincouse a cantar unha Jota navarra no medio a actuación (Jotas que cantaba e canta de primeira). Como esta situación xa se dera nos anos anteriores, os do grupo marcharon escachando coa risa. No escenario quedaron o Ramón Paisano e o Lito ata que rematou o Ramón de cantar a Jota. Son cousas do entroido e o entroido é así. 

A copla:




Grupo OS DE SEMPRE. Miguel, Guido, Pepe, Lisardo, Juan, Ramón, Mané, Lito e Carlos.


Algúns dos compoñentes do grupo OS DE SEMPRE. Lisardo, Mané, Pepe, Lito, Ramón e Juan.

Bon, eu formaba parte do grupo Os de sempre. Ese Pepe son eu. Recodo que a moza do Juan era esteticien e pasamos parte da tarde na casa do Juan comendo uns chourizos e bebendo uns viños coa familia, mentres a rapaza intentaba maquillarnos (Non parabamos quedos). Pasámolo moi ben. 

A miña mai encargouse do disfraz, como tantas veces. Que faría sen ela!!!

Ao día seguinte, Domingo de Entroido, xuntámonos de novo para sair de Pantalla os do grupo e algúns máis que non quixeron subir ao escenario.

Eran tempos no que o entroido o facía a xente da vila.