mércores, 12 de maio de 2021

TRES CONTOS DE MOURAS E MOUROS.

En moitas partes da Galiza existe a crenza de que en determinados lugares habitan uns seres que non son coma nós pero que viven ao noso lado. Pertencen a outra raza que ainda que teñen esporádicos contactos, sempre interesados polas dúas partes, é raro que se mesturen. Son os Mouros e as Mouras.  


Na Limia imaxinamos aos mouros así (Sainza 1997)

Na Limia tamén temos algúns lugares onde a nosa xente pensaba que vivían os mouros e as mouras. Son sitios que teñen algo especial. Montes posiblemente con castros (con nomes como o castelo, a cidade, etc). Pedras con riscos e petróglifos. Pedras con buratos naturais pero que pola súa forma son consideradas especiais. Tamén lugares relacionados coa auga como son os pozos, as fontes, os ríos. etc. Nestes lugares viven uns mour@s que son os mour@s mític@s. Son @s que gardan tesouros en moedas, pentes, ferramentas, todo de ouro. (Até pitas con pitiños que son de ouro).

Nos anos noventa visitei o Penedo da Raiña Loba en Cobas, Concello de Os Blancos. Puiden falar cun home que estaba coas ovellas no monte. Ao paso das ovellas chegamos até os penedos. Pregunteille: Quen faría todo isto? Sen dubidar contestou: OS MOUROS.

Como facía moi pouco que lera o libro de Mar Llinares (1), pensei: Carafio!, a tradición aínda está viva!.

Penedo da Raíña Loba ao fondo dende Xinzo. Podemos ver a Raiña Loba deitada. O penedo da dereita é o rostro onde destacan o nariz e o queixo. Os outros dous penedos son as mans. Até que esperte...

Como decía ao comezo, a relación entre a persoa e o mouro ou moura é interesada. O/A mour@ necesita algo da xente da aldea: que lle peiteen os cabelos, axuda nun parto, que lle maten o porco, que lle vendan o gando na feira ou como veremos que lle dean o peito a un mouriño. O pago dos servizos teñen por condición que non se rompa un trato:. o que entrega @ mour@ non pode ser ollado ata que a persoa chege a casa. Tamén é necesario manter o segredo da relación mour@-persoa.

É sempre a persoa a que rompe o trato. Esta circunstancia supón o castigo inmediato.

Nos dous primeiros contos a rotura do trato supón a morte. É terrible xa que a protagonista humana nos dous casos son nenas e ademáis son comidas pola moura. 

O libro de Rafael Quintía(2) cando fala da Moura antropófaga, recolle catro contos cun final no que a moura come a unha nena. Dos catro contos, tres son de A Limia. Un do Castro de Cerdeira recollido por Aparicio Casado. Outro recollido por Vicente Risco no monte Cantariña (Sandiás). O último no Penedo da Moura en Trandeiras recollido por Taboada Chivite. Eu nesta achega presento outros dous. Un de Os Blancos e outro de Xinzo de Limia. Todos estes contos teñen unha estructura moi similar. A nena entra en contacto coa moura (É bastante normal que a nena vaia coas ovellas ao monte. Nun dos contos a Moura aparece nun pozo). A Moura agasalla á nena con ouro, comida, etc. A nai obliga á nena a que lle conte a procedencia dos tesouros. A nena rompe a promesa que lle fixo a moura e relata o seu encontro. O desenlace é tráxico. A nena que foi ao monte non regresa coas ovellas. A nai vai ao monte/pozo e chama por ela. A moura responde cuns versos que veñen do fondo da terra ou do fondo do pozo e informa/confesa que comeu á nena. O castigo para a nena por ter roto o trato e morrer cociñada e comida pola moura. As mouras da Limia parece que son algo malotas ou queren que sexan malotas. 

Monte do Castelo (Das antenas)


No Castelo, que é o monte onde están as antenas, sempre houbo mouros. Había unha nena que sempre ía coa facenda ao monte e alí era coidada polos mouros. Dábanlle de comer e peiteábana moito. Os mouros sempre lle decían que non lle podían contar nada a ninguén. A nena regresaba a casa con esa promesa. A nai sospeitaba que algo pasaba e insistui moito en que lle contase o que de verdade pasaba no monte. A nena contoulle a verdade. Ao día seguinte marchou a nena coa facenda ao monte como tódolos días. Marchar marchou pero xa non volveu. Como se facía tarde e non regresaba foron ao monte a buscala. Cando chegaron ao monte, chamaron por ela:

"Maruja, Maruja"

Contestou unha voz que viña das profundidades que dixo:

"Maruja, Marujón
está no meu cazolón"

Os Blancos 1995.


Rei Mouro de A Saínza.

Neste conto a nai non fai caso da filla cando lle conta o que sucede na Moreira.

Un día que Marta ía coas ovellas para a Moreira, viu unha dona moi fermosa que estaba peiteando os seus longos cabelos mouros ao carón dun pozo. Mentres se peiteaba, cantaba unha canción moi bonita. A nena foi para a casa e contoulle a súa nai o que vira. A nai non fixo caso da nena e respondeulle que eses eran contos. Que ela ben coñecía o conto de que no pozo da Moreira vivian uns mouros. 

Uns días despois Marta volveu coas ovellas ao mesmo sitio, pero xa non volveu para a casa. A nai saiu a buscala e berraba: 

-Ai Marta, Martiña!. 

Ao chegar xunto do pozo respondeulle unha voz:

-Marta, Martola
está na miña barrigola! 

Ainda que hoxe a Moreira é distinta a como era entón, hai un sitio onde nunca seca a terra, din que alí estaba o pozo da Moura.

 Xinzo de Limia, Maio 1992.



Mouriño de A Saínza.


Dos libros que teño consultado, este conto é o único no que os mouros neceistan dunha moza da aldea para dárllelo peito a un dos seus fillos.

Contan que no monte do Castelo pariu unha moura. O mouro baixou á aldea para buscar unha moza que lle dera o peito ao pequeno mouro. (Antes esto facíase moito, o de que as mozas deran de mamar aos nenos dos outros). O mouro subiu acompañado dunha moza que unha vez no castelo deulle o peito ao mouriño. Cando marchaba a moza, o mouro meteulle uns carbóns nun dos bolsos da saia. A moza tirou os carbón no camiño pensando o cutre que era o mouro. 

Ao chegar a casa da saia caíronlle dúas moedas que eran os carbóns que se transformaran en moedas. Correu polo camiño arriba onde tirara os outros carbóns, pero non atopou nada.

Os Blancos maio 1995.

O abandono e a concentración parcelaria cambiou a paisaxe da Limia arrasando coas árvores, as fontes, os penedos... e o que eses elementos tiñan de lendario. Así é como o pobo perde a identidade e entra na uniformidade da globalización. A nosa rapazada sabe máis dos mitos xaponeses (via series de tv) que da riquísima tradición galega que ten tamén os seus mitos, os seus heroes e os seus malvados. A mitoloxía galega dá para series de tv, películas, banda deseñada, web series e todo o que as novas formas tecnolóxicas poden ofrecer. Penso que non sabemos manexar esta riqueza.  


(1) Llinares García, Mar. Os mouros no imaxinario popular galego. Servicios de publicacións da U.S.C. 1990.
(2)Quintiá Pereira, Rafael. Análise estrutural e simbólica do mito da Moura. Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2015. Ed. Fundación Vicente Risco,  Sotelo Blanco e outros. 
Risco, Vicente. Obras completas. Volumen 3. Etnografía. Ed. Galaxia S.A. 1994.