venres, 26 de novembro de 2021

ENTROIDO DO ANO 1943 EN XINZO DE LIMIA. OS ENTROIDEIROS NA CADEA.

Sempre escoitamos falar en Xinzo de Limia do ano no que meteran na cadea aos que festexaban o entroido. Eran os anos duros da dictadura. O entroido estaba vetado. Só se celebraban as festas relixiosas con toda a severidade que o réximen franquista impuxo nos costumes e na vida en xeral.

No 1943 varios veciños de Xinzo de Limia foron para o caldeiro e tamén foron multados porque estaban a celebrar o entroido. Non foi a maoires porque estas persoas eran maís ou menos afectas ao réxime e además tiñan o diñeiro para pagar as sancións. 

Escoitamos contar que como os que facían o entroido estaban na cadea, a festa desprazouse cara a rúa onde estaban os pechados. Non lles faltou a bebida e a comida. Tampouco o cante e o baile.

Cando de mozo saía de Pantalla cos meus amigos, sempre "collíamos" ao Pepe Álvarez que gustosamente tomaba un viño connosco. Contábanos cando o meteran na cadea por celebrar o entoido e seguidamente mostraba con orgullo a multa de 250 pesetas que lle botaran. A multa sempre a traía na carteira. Que anos máis bos cando o entroido era noso!!!

Conseguín un lector de disquetes, aqueles primeiros discos de almacenamento de datos, e fun revisando os disquetes que tiña na casa (os que quixeron abrir) e nun deles apareceron catro fotos que me deixara para escanear un fillo de Justo Álvarez, alá polos anos 90 do século pasado. Tres son do entroido. Unha delas ten importancia porque vense catro persoas na xanela da cadea de Xinzo de Limia. (Actual Escola Municipal de Gaitas e Percusión de Xinzo de Limia.)

Pois ben, esa foto mostra a algúns dos que estiveron pechados na cadea naquel entroido do ano 1943. Estaban pechados no primeiro andar da cadea. A xanela é a que está por riba da porta da entrada.

Contei coa imprescidible axuda do meu amigo e compañeiro da Asociación O Bión, Justo Gude, para identificar aos que aparecen na foto. Gude fai unhas auténticas radiografías das fotos antigas e acaba por descifrar toda a información que poden ofrecer.

Esta é a foto orixinal. Temos que pensar que nos anos 90 os escaneados eran moi básicos.


Cadea de Xinzo de Limia. Actual Escola Municipal de Gaitas e Percusión.



 

A proposta de identificación de Justo Gude é a seguinte:


Fotos coas persoas identificadas. Composición de Justo Gude.

Justo Rodríguez é o da parte superior esquerda. Pepe Álvarez é o da parte inferior esquerda.

Alfonso Villarino é o da parte superior dereita. Víctor Domínguez é o da parte inferior dereita. 


Esta achega á historia do entroido de Xinzo de Limia non sería posible sen a axuda de Justo Gude.