Teño falado neste blog do importante que foi e ainda é o cultivo do centeo na Limia. A vida dos nosos maiores xiraba en grande parte ao redor dos traballos deste cultivo.
A seitura era unha data importante. Recoller o fruto do traballo anual tiña unha significación especial. Estamos a falar do pan de todo un ano.
O traballo da seitura era duro. A palla está en estado óptimo para ser cortada nas horas centrais do día. Polo tanto seiturábase nas horas de máis calor nos días máis quentes do ano.
Seitura en Xinzo de Limia. |
Xs seitureirxs levan nunha man o fouciño para cortar mentres a outra man agarra un mangado de palla. Para evitar os cortes usábanse uns dedís.
Os dedís están feitos integramente de coiro. Hai un para cada dedo e están adaptados ao tamaño dos dedos. Un amalló une todos os dedís para que non se perdan. O mesmo amalló servía para que pendurasen do cinto ou do pulso cando non se usaban.
As medidas son:
Polgar. Longo 5,5 cm. Alto 4,80 cm. Ancho do burato 1,90 cm.
Indicador. Longo 6 cm. Alto 3,5 cm. Ancho do burato 1,6 cm.
Medio. Longo 5,80 cm. Alto 4,80 cm. Ancho do burato 1,70 cm.
Anular. Longo 6 cm. Alto 4,20 cm. Ancho do burato 1,60 cm.
Mainiño. Longo 5,20 cm. Alto 4,5 cm. Ancho do burato 1,60 cm.
Para quen non coñeza a mecánica do corte das pallas é un momento que une a forza e a maña. Cóllese un mangado de pallas coa man esquerda e dase un tirón forte coa fouce por debaixo da man para que o corte sexa uniforme. O mangado de pallas colócace no terreo e repítese o proceso.
A axuda para a seitura era moi importante e toda a aldea se implicaba no traballo. Era un traballo comunitario.
Como se colocan na man?
Postos na man esquerda porque na dereita lévase a fouce.
Moitxs dxs seitureirxos que remataban o traballo da seitura na casa e tamén despois de axudar aos veciños, marchaban a traballar a Castela. Esa era unha verdadeira epopeia para os centos de seitureirxs, que incluso con 12 anos, percorrían a pé as duras terras de Castela para ganar uns cartos que axudaban na economía familiar.
É arrepiante escoitar as anécdotas desta xente. Como soportaban a calor. Como facían para protexerse das tronadas. En qué condicións durmían e comían. Anécdotas de como voltaban no tren ou á pé. Ou de como era de perigoso atravesar a Serra Seca onde podían ser asaltados por atracadores.
Na Limia cantabase moito nas seituras. Eu teño recollidas algunhas cantigas pero non sei se son de seitura. Non coñezo que se recolleran estas cancións e é moi posible que se perderan para sempre.
Quero agraderlle a Adela o préstamo dos dedís e a paciencia.
Tamén as persoas que fan recreacións das seituras que mostran os vellos saberes. Fun moi ben acollido na seitura e na malla de Queiroás da Igrexa, Allariz, onde me permitiron facer fotos e comentar algúns asperctos da súa seitura.
Seitura en Queiroás da Igrexa. |
Tamén aos seitureiros que fixeron unha seitura en Xinzo de Limia da que formei parte como organizador, fotógrafo e músico.