sábado, 4 de decembro de 2021

O VERGALLO. UN ELEMENTO IMPORTANTE DA MÁSCARA DE XINZO DE LIMIA.

Co paso dos anos moitas das partes que forman a vestimenta e tamén dos elementos complementarios das máscaras van cambiando. Nas fotos antigas ollamos que os deseños das máscaras e a vestimenta mudou para facelas máis vistosas, máis cómodas ou porque o artesán deulle o seu toque persoal, ou.... O entroido é dinámico e os materiais ou desaparecen ou son cambiados por outros que dan mellor resultado. O importante e que se manteña esa repetición na actitude que todos esperamos de cada unha das máscaras do noso entroido.

Un dos elementos que se perdeu na máscara de Xinzo foi o vergallo. 

O nome foi recuperado para a máscara de Sarreaus: VERGALLEIRO. (Que comparte espazo cos Peliqueiros de Freixo e Freande) 


Vergalleiro.


Na Limia o vergallo é recoñecido e asimilado como un elemento da máscara de Xinzo, da Pantalla.


QUE É UN VEGALLO?

O dicionário Estraviz dinos:

(1) Órgão genital do macho. O órgão genital dos bois e dos cavalos despois de cortado e seco.

(2) Azorrague (látego) feito desse órgão.

O diccionario da RAG:

2. Órgao da cópula, nos mamíferos machos. Sinónimos: verga, vergalleira.

3. Verga do touro que, unha vez seca, se utiliza para facer látegos.


Vergallo de boi


O vergallo da foto é propiedade de José Manuel Lorenzo que o leva pendurado do pulso no tempo de entroido, cando sae de Pantalla. O vergallo fíxollo o seu pai, Celso Lorenzo Otero que foi o que me informou da elaboración:

Unha vez que se extrae o vergallo do boi ponse a secar ao ar. Para que quede estirado cólgaselle un peso na punta. Cando seca enrólase sobre si mesmo e córtaselle a punta máis fina. Para darlle máis consitencia neste caso Celso enrolou un aramio todo ao redor. Como é un vergallo para lucir e non para bater deulle unha mao de verniz. Fixo un burato na base para pasar un amalló de coiro para pendurar do pulso. Na parte por onde se agarra enrolou un cordón fino para non tocar directamente na pel do vergallo.

O vergallo ten de longo 46 cm. 

Na lado da empuñadura ten de ancho 1,7 cm e 1,3 cm. Non é totalmente circular. Está un pouco aplanado. A empuñadura mide 8,5 cm e deixa un centímetro para o burato por onde pasa o amalló de coiro. Este amalló mide 17 cm en total e de ancho 3 mm. Esta empuñadura do vergallo é un pouco máis ancho por mor do cordón: 2 cm e 1,6 cm.

Na outra punta o vergallo mide de ancho 1,3 e 1 cm. Continúa a forma aplanada.

O aramio deixa 11 tramos á vista.


Vergallo de Boi.


Vicente Risco dínos como empregaba a máscara de Xinzo de Limia o vergallo:

"con camisetas e calzóns de punto, campaíñas e un vergallo de boi na man, en Xinzo de Limia" cando fala das Damas e Galán que en tempos participaban do entroido de Xinzo na súa monumental Etnografía.

O informante foi posiblemente Ángel Ramos, mestre en Lamas, que lle fixo unha descripción do Galán que recorda moito ao traxe que hoxe en día usa a Pantalla:

"os homes cunha camiseta e un calzoncillo de punto e unha faixa encarnada, con uns colares de campanillas, e un vergallo de boi cunha vexiga de de porco atada na punta." 

Na memoria da xente de Xinzo quedou o recordo de que a máscara levaba vergallo. Pero ninguén sabe dicir claramente para qué e porque a máscara levaba este complemento. O máis comentado é que se empregaba para espantar aos cans que asustados polo ruído e a forma atacaban ás Pantallas. Os que agora levan vergallo coa Pantalla pendúrano do pulso e ainda que non repartan vergallazos, si que pensan que era para iso. Para que se non?

En conversa coa persoa que facía os cintos das Pantallas e que exerceu o oficio do traballo do coiro moitos anos en Xinzo de Limia, Manolo Ramos Cid, díxonos que compraba os vergallos xa feitos á empresa de Allariz Curtidos Blanco. Os vergallos que vendía era como látegos para as bestas. Non vendeu ningún para as Pantallas.

Se as Pantallas nalgún tempo levaron vergallo, supoñemos que era para dar vergallazos. Estamos a falar dunha máscara fustigadora, como outras moitas do entroido galego. Perdeuse o vergallo e a vexiga que ía amarrada na punta pasou a man. As vexigas non baten na xente. Só fan ruído que xunto coas campás do cinto anuncian a chegada das Pantallas ás rúas. Das boas Pantallas. Por moitos anos.

José Manuel Lorenzo de Pantalla co vergallo pendurando do pulso.


O meu agradecemento a Celso Lorenzo Otero por prestarme o vergallo e por explicarme a elaboración e ao seu fillo José Manuel Lorenzo por prestarme a foto.
Tamén o meu agradecemento a Manolo Ramos Cid pola información e a Justo Gude por organizar a entrevista. 

No Domingo Corredoiro do ano 2022 saqueille unha foto a Juan Villarino que levaba pendurado do cinto un vergallo. A foto é na Praza de Oriente.

Juan Villarino.



Risco, Vicente. Obras Completas. 3 Etnografía. Editorial Galaxia. 1994.
Revista NÓS.