domingo, 30 de xaneiro de 2022

ACLARACIÓNS SOBRE TEXTOS "COLLIDOS PRESTADOS" SEN NOMEAR AO AUTOR.

Só quería clarexar que uns textos do libro de Edelmiro Martínez Cerredelo "O Entrodio de Xinzo de Limia. Tradición-Respecto-Sentimemto" son meus.  Nas notas de pé de páxina aparecen como "Datos da Asociación Cultural A Pantalla".  Os textos están copiados practicamente na súa totalidade ou en parte.

Cando formei parte da directiva da Asociación Cultural A Pantalla, presentei a miña dimisión o 14 de outubro do 2019, entre outras cuosas preparei uns textos para as máscaras que naquela altura estaban expostas na sede da asociación.

O resto da directiva sabía e sabe que os textos son meus polo que quixera que non se repita esta desagradable situación.

Os textos que eu preparei son:


O CAPUCHÓN.


O CAPUCHÓN  é un tubo de tela que cobre ás persoas dende a cabeza ata os pés. A cara tápase cunha carauta ou cun anteface de flocos. O CAPUCHÓN pode ser de cores, pero o habitual é que sexa negro.

É unha máscara simple que oculta a identidade da persoa que o viste. Esta característica fai que non entenda de sexo, idade ou condición social. Permitiu que se relacionansen os veciños de Xinzo de Limia, que noutras condicións -na vida diaria- sería difícil que interactuasen.

O CAPUCHÓN outorgaba unha liberdade de acción nuns tempos nos que enmascararse levaba aparelladas fortes sancións por parte das autoridades. Foi moi popular en Xinzo de Limia dende os anos corenta ata os anos setenta do século XX.

Cóntanse moitas anécdotas dos CAPUCHÓNS, relacionadas coas confusións á hora de identificar as persoas que vestían a máscara; principalmente determinar se a persoa enmascarada era home ou muller e todas as divertidas situacións que se producían para saír de dúbidas.

Na actualidade esta máscara caeu en desuso.

Aparecen parágrafos copiados na páxina 125 do libro.


Capuchóns. (Foto das redes sociais).



O MECO.


MECO DE XINZO DE LIMIA. Foto de Pepe Calleja.


En Xinzo de Limia sempre se colgou o MECO. Sabemos que antiguamente varios gremios como os panadeiros, que colgaban un meco na Praza de San Roque ao carón do cruceiro que había nesa praza, ou os ferreiros que colgaban outro meco no Barrio de Abaixo.

O MECO é a representación do Entroido tradicional. Preside o Entroido coas roupas vellas, a careta  (somos todos e ninguén), os atributos sexuais esaxerados, (recoñecendo a outra carnalidade do Entroido -MECO tamén chamado OS COLLÓNS DO ENTROIDO-), o caxato na man para axudar a manterse en pé despois de tanto exceso, e de defensa para cando o entendemento está anulado.

O actual colgamento do MECO recupera unha tradición dos veciños de Baronzás que todolos anos no Entroido formaban unha comitiva para traer o MECO dende Baronzás ata Xinzo. O MECO viña nun carro enfitado con xestas e fentos. (O renacer da natureza) Viñan vestidos con roupa de traballo do campo e tamén traían apeiros e ferramentas de traballos da terra. Agora, ao solpor do sábado anterior ao DOMINGO DE OLEIRO, a comitiva do MECO percorre as rúas de Xinzo de Limia recreando este acontecemento.

A comitiva está formada por:

-O Touro co Home da Aguillada, o Home do Corno e o Home da Bota (de viño).

-As Corozas e as chocas.

-Os gordos ou Homes de Palla.

-Carantoñas con pelicas que representan o entroido máis ancestral.

-O carro co MECO.

-Veciñ@s de Xinzo de Limia e Comarca, ataviad@os con roupa tradicional, acompañando á Comitiva con Fachucos encendidos,(LUME!!!) durante o percorrido polas rúas do Barrio de Abaixo ata a Praza Maior.

-Acompañamento de música tradicional.

Unha vez na Praza Maior, unha persoa escollida con anterioridade (por ter unha relevancia especial no Entroido de Xinzo) é a encargada de colgar o MECO. Con cada tirón da corda que eleva o MECO ao ceo de Xinzo, as centos de persoas que enchen a praza emite un unánime "AUMMMM".

Unha vez colgado O MECO a mesma persoa que eleva o MECO e dende o carro dá tres VIVAS O ENTROIDO que é respondido con entusiasmo por todol@s participantes do evento.

O MECO  pendurará todo o Entroido no centro da Praza Maior e mentres pendure haberá entroido nas rúas de Xinzo, porque o MECO representa coa súa presenza o ENTROIDO.

Do Meco non se copia nada pero deixo o texto.


COMITIVA DE BARONZÁS. (Foto das redes sociais).

 

O TOURO.

A máscara do Touro (ou Vaca) que escorna á xente na rúa é unha entroidada moi estendida por toda a Península Ibérica. Esta máscara, coa súa actitude tan participativa, provoca moita diversión na rúa: carreiras, caídas, saltos e moitas gargalladas.

En Xinzo de Limia o Touro sae coa comitivia do "Colgamento do Meco", que se celebra o sábado anterior ao Domingo de Oleiro. Recupera unha antiga tradición que se perdeu nos escuros anos da ditadura. A saída do Touro era unha compoñente máis do Entroido de Xinzo de Limia.

O home da Aguillada: é quen guía o Touro no percorrido e procura que volva ao rego e non escorne á xente. (Unha aguillada é unha vara longa que corrixe a dirección dos touros e vacas dándolle suaves golpes nos cornos).

O home do Corno: é quen manda co son do corno cando a comitiva se pon en marcha e anuncia a inminente chegada do Touro ao longo do seu percorrido.

O home da Bota: é quen se encarga de darlles de beber uns grolos de viño aos participantes da comitiva.

Cómpre tamén salientar a presenza de Dous homes que acompañan ao Touro en todo o percorrido e que teñen a mestría de adiviñar a intención do Touro: viraxes inesperadas, carreiras tolas ou paradas traizoeiras.

Aparece na páxina127 e 128 copiado na súa totalidade.


A COROZA.

A Coroza é unha capa feita de xuncos ou de palla de centeo que cobre por completo a persoa que a leva. En Xinzo de Limia utilizábase o xunco como material para a confección da Coroza. Protexe contra a auga e o frío e consegue manter seca a roupa da persoa que a viste.

Foi unha prenda moi usada en toda Galicia polos labregos e gandeiros para resistir os duros invernos galegos.

É posiblemente a prenda de vestir máis antiga que chegou a nós desde a noite dos tempos. É unha prenda totalmente vexetal e mantívose sen variar no seu deseño e materiais.

Coa Coroza calzábanse Chancas para protexer da humidade do chan.

En Xinzo de Lima perdeu o seu uso orixinal e está integrada no ENTROIDO e en eventos folclóricos.

Da Coroza non se copia nada pero deixo texto.


O MANTURREIRO.

 Figuara de Manturreiro vestido entre Castor, Pachín e eu mesmo. 

O MANTURREIRO é a máscara de Boado, no Concello de Xinzo de Limia.

Os "manturreiros" vestían un MANTO -denominado "MANTURRIA"- que lles ocultaba todo o corpo. Por riba da cabeza ataban a "manturria" cunha corda para que non esvarase polo corpo, que recibía o nome de CARAPUCHO. Nas costas colocaban unha tea de cores ou negra, que se ocultaba coa propia tea.

Como complemento levaban  un pau para zoscar e un cesto para levar a cinza, a fariña ou a palla seca para emporcallar xs veciñxs.

Era unha máscara que saía á noitiña, para ocultar mellor a identidade. Entraba nas casas e tabernas para interactuar cxs veciñxos. Os "manturreiros" facían trasnadas e bromas. Ás mulleres levantábanlles a faldra e intentaban sacarllle algunha prenda de roupa. Aos nenos austábanos, como fan outras moitas máscaras. Na rúa tamén buscaban ás veciñxs para facerlles falcatruadas e bromas.

Nos anos 2010 e 2011 os mozos de Boado recuperaron a máscara e víronse "manturreiors" polas rúas desa aldea.

Na actualidade esta máscara caeu en desuso.

Paxina 183 copiados parágrafos e frases.


FARRUMEIRO.


O FARRUMEIRO é unha máscara fustrigadora de Nocedo de Riveira no Concello de Os Blancos.

Vestía roupa vella. Cubrindo a cara levaba unha carauta de cartón na que pintaban con tizón as cellas, o nariz e a boca. Na man levaba unha media de muller chea de cinza da lareira.

A un sinal acordado cos gaiteros -normalmente deixar de tocar-, aparecían os FARRUMEIROS na Aira de Arriba, que era onde se facía a festa. Coas medias batían nos mozos das outras aldeas que estaban bailando coas mozas locais.

Cando o FARRUMEIRO tiña algunha conta pendente con outro mozo e sabía que acudiría ao baile, na media tamén metía algúns tizóns da lareira para que os golpes fosen máis contundentes (algún veciño comenta que mesmo se metían pedras para que o dano fose maior.)

Tamén entraban nas casas dos veciños que non querían ir á Aira de Arriba a participar da festa. Como castigo manchaban aos moradores con cinza e graxa dos zapatos.

Na actualidade esta máscara caeu en desuso.

Páxina 128 copiados parágrafos.


Non todo vale. O tempo que cada quen emprega en tarefas, que ademáis non son remuneradas, ten que ser respectado.

O meu agradecemento ás persoas que fan as cousas porque gostan delas sen antepoñer ningún interés.