Nos anos noventa do século pasado achegueime até Congostro para facer fotos dos moitos canastros que a aldea ten.
Atopeime co Carlos, veciño da localidade ao que coñecía por coincidir os fins de semana en Xinzo.
Comentoume que a mocidade da aldea acababa de constituir unha asociación, Asociación Cultural "A ESCOLA", para poñer en valor as tradicións e os saberes dos seus maiores.
Deixoume para fotocopiar un traballo que fixeran sobre o entroido que penso que ten moito interés e que vou a comentar nesta achega.
No escrito comentan que o entroido de Congostro era moi participativo e que toda a xente da aldea axudaba a que a festa fose do agrado de todos. Dende as avoas preparando a comida típica do entroido até os nenos que como veremos participaban dabondo.
O Entroido comezaba o domingo anterior ao Domingo de Entroido que é o Domingo Corredoiro, no que se celebraba a "Corrida do Galo"
O domingo pola mañá os mozos, pagando a escote, compraban un galo a algún veciño. Seguidamente poñían na cabeza un sombreiro feito de pólas e tamén poñían un mandil. Na man levaban unha vara de vimbio que como se verá é imprescindible para guiar a corrida do animal.
San Miquel. |
O galo soltábase en San Miguel, aldea próxima a Congostro. (En distancia un quilómetro escaso). Os mozos guiaban ao galo polas poulas e dábanlle "bambeazos" coa vara de vimbio até que chegaban a Congostro. A corrida continuaba polas rúas de Congostro e remataba no centro da aldea: a Aira da Moa.
Aira da Moa na actualidade. |
Ao galo, que estaba máis morto que vivo, pendurábano polo pescozo dende a varanda dun balcón dalgunha casa da Aira da Moa. Eran xs nenxs xs que xogaban ao que todos coñecemos como A Pita Cega. Cos ollos tapados e un pau na man intentaba mallar no galo. Cando o neno perdía a orientación, baixaban o galo, que estaba atado a unha corda, e deixaban que o galo lle dera na cabeza para que adiviñase onde se atopaba.
Cando o galo morría entegábanllo ao mestre da aldea.
Dende a perspecitiva actual parece moi cruel, que o é, mas era moi normal que este xogo se fixese en moitas vilas e aldeas da Galiza e tamén na Península Ibérica. Onde figure na festividade do entroido o termo de corredoiro, case que habería unha corrida de galo. As sociededes mudan, as veces para mellor e outras pera peor, mas son cousas que pasaron.
Pola tarde os mozos, a "Mazallada", facían baile ao son das gaitas que eles mesmo tocaban na Aira da Moa.
O entroido continuaba o Domingo de Entroido no que se festexaba O Testamento do Burro.
Era normal que durante o ano morrese algún burro na aldea, pensemos que eran uns animais moi útiles para as tarefas de campo, sobre todo como medio de transporte.
O testamento era preparado polxs mozxs e supervisado por unha persoa a quen se lle dera ben facer versos. Como noutros moitos lugares da Galiza, no testamento existe un dó pola morte do burro e un reparto das partes do burro entre os veciños que destacaron pola súa conducta, para ben ou para mal.
Cos versos preparados achegábanse á Aira da Moa un mozo ou unha moza a cabalo dun burro, que era o que lía o testamento. A cada lado do burro ían dous acompañantes que termaban do ramal do burro. Arredor deles xuntábase toda a xente da aldea. (No fondo do artigo transcribo o Testamento do 5 de febreiro de 1989. TESTAMENTO DO FAMOSO BURRO DO XAIME).
Continuaba a festa o Martes de Entroido. Neste día o protagonista era O Meco. Facíase O Meco, como en moitas outras localidades, enchedendo de palla unhas roupas vellas de home. O Meco paseábase por toda a aldea. Mas o martes xs mozxs de Congrostro e de San Miguel intentan roubar O Meco para que pasase a noite na súa aldea. Esta relación entres Congostro e San Miguel mantíñase todo o entroido onde as comparsas ían dunha aldea a outra.
A máscara que a tradición mantíña en Congostro era a de FARGALLEIRO. Era unha máscara para xs nenxs e basicamente o que facían era poñer roupa vella que houbese pola casa. Saían todos os días do entroido. Os veciños tamén facían máscaras coas medias vellas das mulleres.
O Fargalleiro ía de casa en casa e os veciñxs dábanlle ovos, chourizos, cartos, etc. Con todo o recadado polas dez ou once da mañá, ían a casa dalgún dxs rapacxs e facían unha tortilla que comían entre todos. Cos cartos compraban refrescos, galletas, etc.
E falando de comidas en Congostro tiñan comidas do entroido que xiraban ao redor do porco (Como en toda a Galiza).
A María. Comida do Domingo Corredoiro e é a tripa máis delgada e máis longa do intestino gordo do porco.
O Bandullo. Comida do Domingo de Entroido. Enchíase o estomago do porco con costelas e adobábase con pemento, auga, sal e cebola.
A Cachucha. Comíase cocida con patacas.
As filloas. Sobremesa feita de leite, fariña, ovos, azucre e sangue de porco.
Transcribo o testamento como o escribiron xs veciñxos de Congostro:
TESTAMENTO DO FAMOSO BURRO DO XAIME.
que nos sepan perdonar
que estas son as cousas
que nos trae o carnaval.
os fillos sempre insistindo
que vendesen a facenda
e vivisen máis tranquilos.