domingo, 26 de xuño de 2022

ENCALADOS E ENCINTADOS EN SOLVEIRA. A LIMIA. (REPORTAXE FOTOGRÁFICA).

 

No verán do 2021 fun ata Solveria no Concello de Xinzo de Limia. Varias casas amosan os encalados de cálices que imos coñecendo polos artigos deste blog.

Esta primeira casa que está construída en cachote ten restos dun encintado que é irregular. Está bastante esnacada.

Debaixo do tellado atopamos os encalados en forma de cáliz. Como ata agora o cáliz está formado por un medio círculo e un triángulo. Non aparecen círculos entre os cálices.


Casa de Solveira con encalado.

Debaixo dos cálices temos un encintado horizontal que fai a función de balda. Supoño que o encalado e o encintado percorrerían toda a fachada principal. O tempo xa traballou e falta na xanela.


Pormenor do encalado.


Como ollamos na foto, o cáliz está formado por un medio círculo e un triángulo. Na parte superior o encalado derrámase dentro dos cálices. A verdade é que crea unhas formas moi agradables. No negativo parecen uns cogomelos de pé largo.


Pormenor do encalado.


Esta outra casa é de perpiaño e ao ser as pedras regulares o encintado tamén o é. A casa ten encalado de cálices debaixo do tellado. 


Casa en Solveira.


Pormenor da xanela con encintado e o encalado de cálices. Neste caso non ten a balda de encintado para soportar os cálices.


Xanela con encalado.


O encalado está estragado en partes da fachada. Chega a faltar en moitas ocasións. O cambio de tellado e a colocación do caleiro son unha máis que posible causa da perda.

Pormenor do encalado.


Nesta casa a novidade é que o encalado que se derrama no cáliz ocupa todo o largo da boca do cáliz. O efecto é dunha ondulación ben linda.

Pormenor do encalado que crea un efecto de ondulación.



Esta casa de Solveria presenta unhas diferenzas importantes ao ollado ata agora. O encalado non está debaixo do tellado. A casa ten un longo corredor e o paramento do corredor está encalado na súa totalidade.
O que interesa está debaixo do corredor. 


Casa en Solveira.

A fachada principal ten un engadido que non souberon dicirme para que serve. Esta construcción divide a fachada en dúas partes.  


Parte dereita da fachada principal.


Ollamos na seguinte foto os cálices. Facendo de base temos unha balda de encintado. O encalado superior derrámase no cáliz. 



Pormenor dos cálices da parte dereita.


O máis interesante está na parte esquerda da fachada principal.


Parte esquerda da fachada principal.


Temos a continuación dos encalados de cálices que supoño acupaba toda a fachada principal. Debaixo dos cálices aparece un deseño xeométrico moi interesante.

O deseño ten na parte superior o encintado que serve de base aos cálices. Na parte esqueda ten un encintado groso que supoño chegaría ao chan. Na parte inferior tamén ten unha liña de encintado. Pode que tivese encintado na parte dereita, non se distingue moi ben.

Deseño xeométrico.

O deseño esté inscrito nun cadrado. Centrado na parte interior de cada lado do cadrado temos uns medios círculos en negativo. Non están cheos de cal e só se distingue o contorno. Como os círculos non chegan ao bordo do cadrado, trázanse unhas liñas rectas que completan a figura. O remate é en punta. No centro do cadrado aparece outro círculo en negativo que rodea unha rosa de seis follas en positivo, "a flor da vida" . O conxunto é harmonioso e dunha beleza singular.

Ainda temos outra casa con encalados.

Casa con encalados.

A casa ten o encalado debaixo do tellado só na parte da dereita, onde está a xanela. Destaca tamén o encintado no paramento de cachote. O balcón ten un encintado groso pero non hai máis encintado na parede. É posible que o tellado xunga estas dúas casas.
 
Pormenor da parte da fachada onde están os encalados.


Os cálices teñen unha pequena diferenza aos ollados ata agora nesta aldea. Entre os medios círculos e os triángulos temos uns pequenos círculos que engaden maís beleza ao conxunto. Teñen unha balda de encintado onde descansan os cálices. Na parte superior o encalado que se derrama dentro do cáliz é máis estreito.

Pormenor dos cálices.


A xanela presenta un interese especial. Na parte superior ten o encintado base dos cálices. Está rodeada por un encintado groso xunguido aos encintados elípticos das pedras cercanas.  

Na parte inferior do encintado groso da xanela aparece un encintado de dentes de serra da mesma lonxitude. Despois temos un encintado dobre que alonga o medio círculo que aparece inmediatamente debaixo. Supoñemos que eran seis os medios círculos porque falta un e o da dereita de todo deixase albiscar. Debaixo do conxunto temos un encintado recto onde descansan os medio círculos e que pecha o deseño da xanela.

 


Xanela con encintados e encalados.


Quería rematar falando de dúas casas que chamaron a  miña atención.

A primeira ten un encintado antigo sobre o paramento de cachote. Fíxose un encintado xeométrico, que eu penso posterior, que non coincide coas formas das pedras e que crea unha distorsión na parede.  

Casa con encintado sobreposto.

A outra casa ten o cuñal que ata o primeiro andar é dobre. O encintado faise dobre e remata subindo por cada paramento ata o tellado.

Pormenor do encintado dobre.



A cantidade de casas esborralladas está aumentando moito. Perdemos definitivamente o que durante tantos anos levantou a nosa xente. É TRISTE SER TESTEMUÑA DA DESFEITA. 



Cazado en Solveira por unha amiga da miña filla Uxía.