venres, 30 de decembro de 2022

ENTROIDO DE XINZO DE LIMIA. AS PARODIAS.

O entroido de Xinzo ten como protagonista a máscara propia: A PANTALLA.

Pantalla de Xinzo de Limia.


Pero o entroido é máis que a máscara. Sempre gostamos de falar de casos curiosos que pasaron e pasan no entroido que crea a xente que vivía e vive o entroido de forma intensa e que coas súas trasnadas fannos disfrutar e poñen un elo no engrandecemento do noso entroido.

Quería falar agora dunha parodia totalmente improvisada que vivín nos anos noventa e que ben pode explicar como se crea teatro de rúa.

PERSONAXES:

Muller maior 1: Totón.

Muller maior 2: Queta.

Garda Civil 1: Ricardo.

Garda Civil 2: Eduardo.

Criada de casa rica: María Isabel.

Mirón asombrado: Pepe Calleja.

Mañá do Luns de entroido dos anos noventa. Rúa dos viños a altura do actual Bar Trisquel. As dúas mulleres maiores visten de loito completamente con pano na cabeza. Veñen en bicicleta. Aquelas bicicletas negras de barra. No portavultos traen unhas cestas de vimbio. Os Gardas veñen co uniforme completo, con tricornio e unhas lentes que no nariz teñen a forma dun carallo. Ninguén máis na rúa.

O Mirón está observando a escena dende o canto da Rúa dos Viños e a Praza Maior.

Dende a Rúa dos Viños sobe a Garda Civil.

ESCENA ÚNICA.

As mulleres maiores falan co Mirón.

Muller maior 1: Neno, sabes onde está o veterinario?

Mirón: Sei. E logo que pasou?

Muller maior 1: E que esta a miña comadre ten que consultar con el porque ten un problema en xa sabes onde.

Muller maior 2: Ai fillo!. Teño un comechón que vaia por Deus. Eu non sei se será cousa do demo.

Muller maior 1: Nas cestas traemos o remedio, a ver se serve para o mal que ten.

Muller maior 2: Deus te oia, miña rola.

Chegan despacio os dous Gardas coas mans ás costas.

Garda Civil 1: Bo día.

Garda Civil 2: Bo día.

As dúas mulleres e o Mirón: Bo día.

Garda Civil 1: Entón, madrugaron moito.

As dús mulleres: Madrugamos si señor.

Garda Civil 2: Pero como hoxe por aiquí que non é feira?

Muller maior 1: Pois mire señor Garda, a miña comadre tenlle un problema ben grande co comechón que ten en xa sabe onde e vimos ao veterinario a ver si lle dá co mal.

Muller maior 2: Ai!. Canto teño sufrido. Pero penso que a solución ven nas cestas que traemos nas bicicletas.

Garda Civil 2: Fagan o favor, saquen o que traian nas cestas que queremos ver. Xa desconfio que sodes algo tortas.

Muller maior 1: Ai señor garda non diga tal. Nós sómoslle ben boas e nunca enganamos a ninguén nas feiras. Haille moita envexa e moito mentirán.

Garda Civil 1: Deixate de chácharas e sacade o que traedes nas cestas.

As dúas mulleres entre queixas baixan das bicicletas e abren as cestas. 

Para sorpresa de todos sacan uns nabos ben grandes. Os Gardas fan por non rir. Despois dun momento recuperan a compostura e moi serios:

Garda Civil 2: Eu penso que non teñen o tamaño reglamentario. Teremos que medilos e se non dan a medida xa vos podedes ir preparando.

O Garda Civil 1 mete a man no bolso e saca un metro co que os dous gardas póñense a medir os nabos.

Garda Civil 1: Estes nabos pásanse da medida por moito. Vamos a ter que denuncialas señoras.

As dúas mulleres de loito fan rogos e choran falsamente como carpideiras.

Muller maior 1: Meu Deus! Que fixemos nós! Somos duas velliñas que non facemos mal ningún!

Muller maior 2: Señores gardas teñan piedade que o facemos pola miña saúde! Non por mal.

Dende o medio da praza chega a Criada de casa rica camiñando rápido, levantando os brazos e botando berros. 

Criada de casa rica: Lobas!!! Lobas!! Sodes as que lle andades ao rabo ao meu marido!

Sen máis agarra polos cabelos a Muller maior 1. A Muller maior 2 tamén se mete na lea e acaban as tres aos bolouchóns no chan.

Os dous gardas ao ver a liorta dan a volta e de costas póñense a asubiar mirando cara arriba e pouco a pouco vanse marchando.

Ao fin os Gardas acoden ás mulleres e levántanas do chan.

Esta é unha mostra do moito que se viviu e vive no entroido. Non necesitamos que nos "axuden" a facer o entroido. Necesitamos recuperar o que se vivía na rúa, a complicidade dos que vivimos na vila e arredores. Necesitamos "o noso entroido".

Muller maior de loito.



Grazas a estes actores tan caralludos por manter o lume do entroido. 

Un recordo agarimoso para Eduardo que nos deixou.