Ubicación de Reboreda. Mapa Google. |
Reboreda pertence ao Concello de Porqueira. É unha aldea, como moitas deste concello, que ten canastros para secar o millo, casas con corredores cara o sur e un cano do que os veciños están moi orgullosos e que coidan con agarimo.
Cano de Reboreda. |
Algunhas casas teñen o encintado protector nas xuntas das pedras do paramento.
Casa con patín de encintado regular e irregular. Na porta, xanelas e límites laterais encintado máis groso. |
Tamén encontramos encintado en pequenas xanelas.
Encintado en xanelas que recordan unhas cornamentas. |
Encintado en pequena xanela na escaleira. Esta localicación da xanela tamén a ollamos en Xinzo. |
Dentro da interesante arquitectura popular de Reboreda temos dúas casas que sobresaen polo encalado.
A primeira casa ten a fachada de nacente cun encintado que se fai mas groso en todo o contorno e na porta da corte. Por riba da porta da corte ten un encalado en forma medio círculo onde aparece o número 10. Pero o encalado máis fermoso é o da xanela.
Casa de Reboreda con encintado e encalado en xanela. |
A xanela presenta na parte superior e na inferior o mesmo deseño. Un cículo central en negativo. A ambos lados deste circulo central temos outros dous círculos máis pequenos que están entre dúas cuñas. As puntas interiores conectan directamente co círculo central. As cuñas teñen un triángulo en negativo no interior. Tamén cara as puntas das cuñas temos uns circulos irregulares en positivo.
Xanela de Reboreda. |
Nos laterais da xanela temos o mesmo deseño pero lixeiramente diferente ainda que emprega formas da parte superior e inferior. Como é máis longa amplíase o círculo do medio e introducese de arriba a abaixo un círculo en negativo sen decoración seguido doutros tres círculos que presentan decoración. O círculo central representa unha cruz de brazos iguais que penso que e unha flor e os outros dous círculo teñen o que serían as follas da planta. Non son totalmente simétricos porque o círculo de abaixo do lado dereito non está cerrado e a punta da cuña invade o interior do círculo.
Casa en Reboreda con encaldados. |
A segunda casa presenta un encintado perimetral máis groso cara o exterior e unha liña máis estreita cara o interior. Tamén é mais groso na xanela.
Temos dous encalados que estiveron pintados. Están colocados na fachada de nacente e na do norte.
Encalado fachada e nacente. |
No encalado de nacente aparece unha planta con sete flores de seis pétalos de cor azul.
Detalle das flores pintadas. |
Foto do encalado norte. Foto editada. |
Editei a foto do encalado do norte para intentar ver o que tiña pintado. Na parte inferior aparace un pequeno círculo con duas líñas paralelas encima. Por riba un círculo grande que parece ser un reloxo, ata parece que se ven as agullas. Pola orientación norte non pode ser de sol, non serviría para dar a hora. A cada lados dous círculos. Unha liña divide o encalado, que sería a do encinado, polo que este encaldo é posterior ao encintado. Por riba da liña temos dous círculos e na parte superior un deseño con almeas e un círculo no medio.
O encalado ten forma de escudo e pode que sexa o que queda dunha representación heráldica.
Non quería fechar este artigo sen facer refencia ao especial traballo de forxa que presenta unha das casas de Reboreda. Poño unhas fotos.
Detalle da porta da varanda. |
Detalle da armazón da varanda. |
Outro detalle da armazón da varanda. |
Temos en Reboreda a intención dos veciños de enfeitar as súas casas con encalados e traballos de forxa que nos achega ao bon gosto que tiñan os nosos avós dentro das limitacións dunha economía que non daba para luxos.
O meu agradecemento a Raúl e Ana que foron os que me avisaron dos encalados.
O meu especial agradecemento a miña filla Uxía por acompañarme e amosarme Reboreda.
Quixen poñer esta foto porque nos anos oitenta cando comecei a visitar as aldeas, os e as que saían a ver que facía eu por alí eran as persoas que vivían nela. Agora non queda xente nas aldeas pero aínda hai quen olle para un.