Comparto co amigo Gude a paixón polo Entroido de Xinzo en xeral e da Pantalla en particular. Fixo memoria e preparou un listado dos nomes das partes da Pantalla e dos nomes dos procesos. Trouxo un par de follas e díxonos, "a ver que vos parecen os nomes e pensade se me quedou algún esquecido". Entre todos fixemos memoria e comentamos nomes e situacións.
Quero dicir que este traballo xorde da colaboración das partes e recomendo que lle botedes un ollo a páxina de JUSTO GUDE MENDEZ do Facebook para ler o seu artigo sobre as partes e procesos da Pantalla.
Tan imporante é estudar unha máscara con anos como que non se perdan os nomes. Recuperar actitudes, cancións, nomes e vidas de entroideiros, recordar grupos que coas súas creacións animaron e animan o Entroido. É fundamental que quede rexistrado para que os que veñen detrás de nós sepan o que se facía e quen o facía. Iso daralle forza ao noso entroido.
Non pensamos deixar que a barca que leva ao estudo do Entroido de Xinzo volva a partir sin nós, estamos ben preparados para a travesía que sabemos que é longa.
A Pantalla podemos dividila en dúas partes que dende o comezo se elevoran separadamente ata que se xonguen. Esta partes son A CARA e o CORNO que tamén se lle chama CUCURUCHO.
O CORNO.
Cada lado do Corno chámase PANTALLA. Neste espazo é onde se pintan os motivos astrais que son esenciais.
Neste caso temos nas dúas Pantallas da mesma máscara o planeta Saturno con estrelas e un cometa feito unha bola de lume.
O BORDE é a fita que percorre todo o perímetro do corno. Pode ser de varias cores e a intención é que combine e destaque do fondo do corno.
O Borde nesta máscara é branco e na que está por riba é de cor dourada.
O FALDÓN é ese espazo máis ancho do Borde que percorre a parte inferior da Pantalla e no que se cose o trapo.
O CORTE é o triángulo na parte traseira que sirve para axustar a Pantalla ao tamaño da cabeza para que a máscara non caia co movemento dinámico e continuo que ten.. Vai cosido con fio de cáñamo e se o propietario da Pantalla nota que non lle entra, normalmente no caso de Pantallas de nenos e adolescentes, pódese descoser e adaptalo novamente ao tamaño da cabeza.
O TRIÁNGULO é unha peza separada de cartón que sirve para unir o corno e a cara pola parte que está xusto por riba dos ollos. É unha peza complicada de coser pero unha vez colocado dálle unha consistencia fundamental á máscara.
O RIZO está colocado na parte frontal da Pantalla por riba da cara. É circular e dependendo da forma e do tamaño temos varios modelos.
TIPO PRIMITIVO. É de pequeno tamaño e o círculo quere ir cara adiate.
TIPO ANTIGO. É de pequeno tamaño pero neste caso o círculo ten tendencia a ir cara abaixo.
TIPO TRADICIONAL. É algo máis voluminoso e co círculo máis definido e tende a enrolarse en si mesmo.
TIPO JULIO VILLARINO. Non é circular. É estreito e con caída cara abaixo.
TIPO LINGUA. Moi longo e estilizado. Deixa un círculo central moi grande e enrólase cara o triángulo por riba da cara.
TIPO QUIQUE SUÁREZ. É longo e máis ancho que o que vimos anteriormente. Enrólase máis sobre o triángulo por riba da cara.
A CARA.
Cando tes unha Pantalla nas mans, primeiro mírala por fora, inmediatamente despois ollas o interior da cara para ver que tipo de corte ten o sombreiro para idetificar ao artesan ou polo menos o modelo de corte que ten o sombreiro.
Se ollamos de fronte a máscara temos na parte de abaixo o PAPO. Hai unha parte do papo que non se ve porque está por debaixo do fleco. A parte visibel é a BARBA. Cada ondulación lateral chámaselle PATILLAS e a ondulación central chámase QUEIXO. Temos tamén as CORREAS no caso de que a barba teña esas partes horizontais que unen o queixo e as patillas.
O FLECO.
O fleco esconde a gorxa da persoa que leva a máscara. Ás veces se non se quere sacar a Pantalla, dependendo onde, colócase para atrás e o fleco cubre os ollo co que se dificulta a identificación da persoa que leva a máscara. Non debe ser moi longo porque taparía o pano da cabeza que as mulleres usaron moito no século pasado e que as Pantallas levan no colo.
O BIGOTE.
O bigote, sempre negro, pode estar pintado ou pode empregarse materiais como o feltro empapelado e pintado de negro ou a madeira pintada de negro. Pode aparecer en diferente formas e tamaños.
OS OLLOS.
Os ollos tamén poden ter diferentes formas, máis abertos ou máis pechados. É fundamental que no momento de facer a Pantalla o seu propietario comprobe que ve. Non é cousa menor porque a visibilidade coa máscara é reducida e se os ollos non cadran co da persoa terá serias dificultades para levar correctamente a máscara. Normalmente están pintados de vermello por dentro e ás veces a pintura sobresae cara fóra das pálpebras. Dependendo do artesán os ollos poden levar pestanas ou non.
|
Ollos de ra. |
|
Algo birolla como se verá máis adiante. |
OS COLORETES.
Son dous círculos que aparecen entre os ollos e o bigote e aos dous lados do nariz. Sempre van pintados de vermello. Nas fotos dos ollos podemos ver que aparecen en diversos tamaños e tamén varia lixeiramente a colocación.
AS CELLAS.
As cellas sempre son negras e percorren o perímetro da pálpebra superior.
A forma do nariz máis tradicional é triangular ou en circulo. Podía ir pintada por dentro de vermello e incluso sair a cor vermella ata a parte frontal do nariz.
Dende hai uns anos o nariz ten tabique e en vez de ter un só burato ten dous. Revisando as fotos anteriores das partes da cara aparecen os dous modelos.
A BOCA.
Cando se fai o corte no sombreiro xa determinamos o tamaño, onde vai colocada e a separación que van a ter os labios. Posteriormente co empapelado acábase de definir. A boca sempre vai pintada de vermella e a pintura pode quedar na parte interior da labios ou sair cara fóra. Nas fotos dos modelos dos bigotes pódese ver tamén diferentes bocas.
AS ORELLAS.
As orellas están feitas de feltro da aba do sombreiro. Iso é o normal, mas ás veces aparecen algunhas orellas feitas de cartón. A forma varía e as cores tamén. Dentro da diversidade teñen os mesmos elementos. Algunhas aparecen unidas ao corno con papel. Outras están separadas pola dobrez.
Se dividimos a orellas por partes e de arriba a abaixo temos en primeiro lugar o corno que é a punta negra. A media é o espazo onde se pintan os puntiños de cores, a maioría das veces cunha serie definida e repetida inda que pode aparecer pintadas anarquicamente. As cores dominantes dos puntiños son a vermella e a negra. Os galóns son as liñas de cor que atravesan horizontalmente a orella. O normal é que sexan de cor vermella e negra. A base é a parte inferior da orella e está pintada de negro. En moitos casos a barba arranca da propia base.
|
Orella unida ao corno. |
|
Orella separada do corno. |
|
Peculiar orella das Pantallas de Quique Suárez. |
O PANO.
O Pano é a tea que está cosida a todo o perímetro do corno e que é de cor azul claro ou vermello. Nestes tempos de agora podemos ver que calquera cor vale, e non debería. Parece que anteriormente foi máis longo e que acurtou co tempo. A cor do pano vai en función do cor da capa, que normalmente debe ser vermella.
Para que non se vexa a costura do pano na máscara cósese no faldón pero do revés polo que se crea unha parte dobrada. (Máis común en castelán dobladillo).
O pano sempre vai picado. O picado consiste en facer buratos, sobre todo en forma de rombo, que se combinan creando unha xeometría que por veces é unha obra de arte. A técnica que se emprega é facer diferentes dobreces no pano e cortar cunha tixeira. O resultado son series de rombos e flores de catro, seis ou oito pétalos cun botón central.
TERMOS.
Son as denominacións que se aplican aos diferentes procesos na elavoración da Pantalla.
Un dos máis importantes é o empapelado.
Empapelar enpapélase toda a máscara. Ao comezo e por separado empapélase o sombreiro para facer a cara. Despois empapélase o cartón para facer o corno e tamén se empapelan as orellas. Despois únese todo cosendo unhas partes ás outras.
Para empapelar emprégase papel de periódico escapando sempre das partes con fotos, satinadas ou con moitas cores.
Cando collemos o papel para empapelar o primeiro que memos que saber é a dirección do corte. Hai que seguir a dirección natural das fibras do papel para que sexa uniforme e non deixe marcas irregulares. Ao corte do papel chamaselle esgazar. A técnica permite facer os papeis de diferentes tamaños ao longo e ao ancho.
|
Esgazar. |
A cola para pegar o papel ao sombreiro e ao cartón é o
engrudo que é unha pasta feita de fariña e auga ao que se lle engade sal ou azucar. Quéntase no lume para deixar uniforme a mezcla evitando os grumos.
Para que as partes queden ben unidas o primeiro que facemos é enchoupar o papel con bastante engrudo para que absorba ben.
A técnica de empapelar ten que ser boa para que non queden as vinchocas que son burbullas de ar entre o papel e o cartón, ou sombreiro, co que non queda pegados un ao outro.
Tamén temos que evitar os remendos que son as marcar que quedan do papel unha vez que a Pantalla está pintada. (A pintura descubre moitas taras). Unha Pantalla con moitos remendos é unha Pantalla remendada.
|
Vemos o remendo a esquerda da pequena estrela branca. |
Tamén hai que ter coidado no momento de empapelar a cara para que quede simétrica, sobre todo os ollos porque podemos ter unha Patalla birolla.
Antes de coser as dúas partes do corno faise un afiado que consiste en facer un corte polo interior do cartón para que unan mellor as partes e quede o borde en punta.
Unha vez que se cose o corno hai que enfiar que é procurar que quede cosido sin que se noten as marcas e evitar que quede unha parte por riba da outra. Se quedan marcas diremos que son as costelas que son esas marcas do fio no borde da Pantalla.
Para suprimir os defectos no empapelado tanto na cara como no corno o que facemos é debullar. Esta técnica consite en cortar cunha navalla os defecto para posteriormente se volven a empapelar para que non se noten os cortes.
O momento de unir a cara e o corno é un momento moi delicado e que hai que facer con moito coidado e tomando as medidas neceserias para que a Pantalla quede aplomada. Que consiste en que o rizo do corno quede centrado coa cara.
|
Pantalla non aplomada. |
Para que o corno da Pantalla quede rodendeado e que de ano a ano non se suma ou aplane é preciso embolar a Pantalla. Consiste en meter a presión no interior do corno, cara o rizo, unhas bolas de papel.
Con este achegamento aos nomes das partes e dos procesos da elaboración da Pantalla intentamos o Justo Gude e máis eu que non queden no esquecemento. É moi posible que non estean todos os que son, pero os que están seguro que son os que se empregaron durante anos.
Só pido que se alguén ten que aportar algún nome, que nolo diga porque a máscara é de todos e entre todos podemos facer que se coñeza mellor. Sabemos que do coñecemento ven o respecto. E esta máscara de Xinzo de Limia merece ser coñecida e respectada.
Gracias a Poly e a Pipo pola colaboración.
Grazas a Isa pola amabilidade e polas galletas!